Alén dos faros

Guía didáctica

 

O xogo:

"Alén dos faros" é unha aventura virtual para a mocidade. A través desta proposta pretendemos introducir os mozos na rede en e desde o galego dun xeito lúdico e ameno.
O xogo naceu da idea de atopar unha trama narrativa que, desde unha interface atractiva e envolvente, lle permita ás novas xeracións somerxerse na rede.
A lingua e as habilidades no manexo das ferramentas tecnolóxicas conxúganse nesta proposta con outros eixes, nunha construción interdisciplinaria:
- Educación artística, mediante a creación dun contorno comunicativo multisensorial.
- Coñecemento de distintos elementos de identidade cultural, desde unha perspectiva transversal: históricos, culturais, artísticos...
- Busca e tratamento de diferentes tipos de información.


Destinatarios

Esta proposta require que os participantes teñan certa destreza no uso da rede. Isto é: manexar o navegador, uso dun buscador e gardar/tratar información.

· Ao alumnado do 1º ciclo da ESO que participa nas sesións do proxecto Ciberlingua.
· Mocidade en xeral.


Finalidades


· Participar nunha dinámica lúdica.
· Coñecer e valorar recursos web galegos.
· Utilizar e difundir software galego.
· Afondar nas destrezas de busca e tratamento da información da rede.

A metáfora do Xogo

Pretendemos que os participantes fagan unha viaxe virtual por webs galegos. Para iso imos usar como motivo que enfía a dinámica unha viaxe por algunhas das illas atlánticas galegas: Ons, As Cíes, Sálvora e As Sisargas.
Coma en calquera boa viaxedeberemos contar cunha cámara de fotos (aplicación informática específica), un caderno de bitácora que nos permita facer anotacións (procesador de textos), e unha mochila onde poder gardar todo que atopemos na viaxe (disquete).
O faro é o eixo referencial do xogo. Del partirán os distintos itinerarios onde os rapaces son os protagonistas das súas decisións e a el retornarase coa mochila chea de experiencias contextualizadas en cada unha das illas, empregando as embarcacións tradicionais propias de cada ría. Nas illas visitaranse diferentes elementos culturais, históricos, literarios, ambientais,…que retan ao participante para que localice información de distinta natureza polos webs galegos dun xeito lúdico e formativo.

Tipos de accións

Propóñense 2 tipos de accións para desenvolver na viaxe:
Quitar fotos: como en toda viaxe, contamos cunha cámara de fotos para captar diferentes momentos e elementos da aventura. Non é máis ca unha sinxela aplicación informática que con só premer unha tecla efectúa unha captura de pantalla e a garda en formato de imaxe.
· Facer anotacións no caderno de bitácora: apuntamentos, ideas, recordos… Na nosa mochila-disquete gardaremos como documento de texto as páxinas do cadernos de bitácora.
· Uso de buscadores: en toda viaxe atopamos elementos que espertan a nosa curiosidade, que nos levan a indagar, afondar… en diferentes fontes documentais. Para iso temos os buscadores, que nos permitiran localizar, tratar e gardar diferentes tipos e formatos de información: imaxes, textos, sons…

Créditos

Luís Teira Parada. Licenciado en sicopedagoxía e especialista en deseño de materias multimedia educativos. Traballa como mestre de educación primaria. Coordinador de ciberlingua . Coordinador de Edugaliza. luisteira@ciberlingua.org


Ester Vázquez Blanco. Licenciada en sicopedagoxía e especialista en deseño de materiais multimedia educativos. Coordinadora e monitora de Ciberlingua.Traballa como mestra de medios tecnolóxicos. Coordinadora de Edugaliza. estervazquez@ciberlingua.org

Uxía Acuña Abalde. Mestra de Educación Infantil, Licenciada en Pedagoxía. Especialidade en Pedagoxía escolar: formación docente e dirección de Centros educativos e especialidade en Pedagoxía social elaboral. Deseñadora de Materiais Multimedia Educativos e monitora de Ciberlingua. Primeiro curso de doutoramento "Educación Artística: Aprendizaxe e ensino das artes visuais". aixa29@hotmail.com

Xavier Seco González. Mestre en Educación Primaria e Licenciado en Humanidades. Coordinador e monitor de Ciberlingua. Xavierseco@ciberlingua.org