|
Ela
Queres ser o animal.
El
O animal que Deus non creou.
Ela
Non hai tal forza.
El
¿Tes medo?
Ela
De ti.
El
Achégate.
Ela
Non podo voar.
El
Óllame desde a pel.
Ela
Retira a cinza que a cobre.
El
Non é cinza, son as miñas mans a
descansar.
Ela
Son ás.
El
¿Que é o que queres?
Ela
O teu sexo.
El
Teño cen sexos.
Ela
Cen furados.
El
Achégate.
Ela
Non son un anxo.
El
¿Veste nos meus ollos?
Ela
¿Por que rompiches o espello?
El
Non vexo nada.
Ela
Ti e eu.
El
Dúas criaturas en cruz.
Ela
Unha tesoira.
El
¿Non querías amor?
Ela
¿Por que rompiches o espello?
El
Unha mañá despertei cuberto de cinza.
Ela
As miñas mans cortadas.
El
E rompín o espello.
Ela
Cobarde.
El
Respirei pola ferida.
Ela
¿E eu?
El
Oxalá foses un coitelo.
Ela
¿Entregaríaste á miña voracidade?
El
¿Cando me neguei?
Ela
Contesta.
El
Ti.
Ela
Non teño forzas.
El
Os dous nacemos sen forzas.
Ela
Por iso comecei a ter soños.
El
Vidros, flores brancas, neve.
Ela
Ti.
El
Cóntame o Gran Soño.
Ela
Ti deitado nunha mesa branca e eu a cortar
os teus sexos.
El
E despertabas.
Ela
E voltaba a empezar.
El
Sóñao outra vez.
Ela
Cortei cen mortes.
El
Soña.
Ela
Cen noites comestas da neve.
El
¿Quen latexa debaixo do sudario?
Ela
O animal.
El
O asasino.
Ela
Deitado nunha mesa branca.
El
Sen mans, sen ás.
Ela
Desexas o animal.
El
¿Cal?
Ela
Eu.
El
Volta para a noite.
Ela
Ficaría presa no soño.
El
¿Precisas máis proba de amor?
Ela
A proba son eu.
El
¿Queres que te destrúa?
Ela
Xa é tarde.
El
Estamos no comezo.
Ela
Voltamos para o comezo, como os mortos.
El
Devólveme o soño.
Ela
Entra en min.
El
Desperta.
Ela
Serás unha carne nova.
El
Seremos nai e fillo.
Ela
¿Tes medo?
El
Frío.
Ela
Eis a primeira caricia.
El
Frío de ti.
Ela
Non deixarei sinais para os forenses.
Xesús
Pisón, O GRAN SOÑO.
|