
Un dos retos máis importantes do labor docente do profesorado de
literatura é, precisamente, a ensinanza da LITERATURA, que non da
Historia da Literatura, disciplinas que comunmente se tenden a
confundir. O porqué deste reto radica na constante loita por derrubar
os prexuízos cos que normalmente o alumnado se achega á mesma e vencer
a inercia provocada pola carencia dun hábito lector consolidado, xunto
coa falsa crenza de que a súa aprendizaxe vai consistir na
memorización de datas, autores e obras. Rachar este preconcepto é a
finalidade deste espacio, buscando un achegamento a este marabilloso
mundo a través da ruptura do seu imaxinario convencional para
adentralo na descuberta dun novo mundo cheo de posibilidades: o máxico
mundo da literatura.
O punto de partida desta viaxe será a interiorización do concepto
"arte" e a delimitación das distintas disciplinas que configuran este
universo. Partindo da nada, analizaremos o proceso de creación e
iremos incorporando á nosa nao os diferentes elementos que nos poden
servir de instrumento na elaboración dos nosos menús intelectuais
(texturas, cores, formas, sentimentos, imaxes, sons...). Descubriremos
como con eles conseguiremos que outros degusten os nosos platos, como
abrir novas vías de comunicación e, sobre todo, como conseguimos
transmitir, despertar ou compartir emocións, sentimentos ou sensacións
que escapan á propia lóxica da súa elaboración pois á fin,
comprobaremos que a opinión dos demais, que non deixa de ser á nosa, é
o que realmente lle dá sentido a este mundo, un universo sempre aberto
e que non estamos dispostos a que ninguén nolo peche con teorías máis
ou menos academicistas consagradas a sacralizar unha forma de
expresión que debe ficar para sempre viva e non camiñar illada, senón
sempre acompañada de calquera outra forma de expresión que o emisor
considere válida e adecuada para se comunicar co pontencial universo
de receptores. |