CHACHAHUÍ

Ter unha casa en Chachahuí sobre do cume
do Cúndur-Cúndur que os incas bautizaron
polas grandes aves míticas.

Ter unha casa en Chachahuí
e ver no fondo do precipicio o Putumaio
brincar como un regueiro pequeniño.

Ter unha casa en Chachahuí
e escoitar á noitiña o zunido dos vagalumes,
dos cocuios, o canto do turpial
e o míar estremecedor do puma negro.

Ter unha casa en Chachahuí,
esquecerse do tempo, estar ao pé dun deus antigo
amigo do sol.

Ter unha casa en Chachahuí.
Abaixo, no camiño de Ipiales, na estrada do Ecuador,
brillan as flores ventureiras.

Pero as estrelas son máis grandes.
Ter unha casa en Chachahuí.