Campanas de Bastabales
- miña nai arrola un neno -
Rosalía non afíes
na miña gorxa o coitelo.

     Campanas de Bastabales
chegaron rompendo o vento
e cantan de pinga en pinga
no meu corazón sedento.

     Rosalía: non me deixes
tan lonxe que teño medo.

     E ti campana de Anllóns
campana con voz de ferro:
Bergantiñán non me esquezas
dáme unha man compañeiro
que ando polo mundo a tombos
e quero volver ós eidos.

     E quero canta-lo maio
todo de flores cuberto.