| Hoxe preciso
costruí-la patria: ergome cedo coma Ulises e roubo tódalas naves do mundo. (O meu país vaise polos camiños do soño, pero soñar, irmán, é unha cousa terrible). Os vellos canteiros do meu ser domean os penedos docemente e vanlle dando forma á miña dor atávica de home. Eu soñei esta terra desde sempre cando o cervo non era mais que a imaxe multicolor nas covas do meu sono. Atravesei desertos de xeada no principio do tempo, terra miña! e teño o corazón coma un pelouro brunido por amarte en tantas vidas. Só ti es permanente! Hoxe preciso falar cóbado a cóbado contigo meu irmán, pois a palabra afía esta emoción que pon no vento un ar ou agarimo tan antigo que fai canta-las pedras da memoria. (Os poemas da ausencia) |
||