¿Estiveches algunha vez en...?

Ti dis:Galicia é ben pequena.Eu dígocho: Galicia é un mundo.Cada Terra é coma se fora o mundo enteiro.Poderala andar en pouco tempo de norte a sur, de leste a oeste noutro tanto;poderala volver a andar outra vez e máis .Non a has dar andado.E cada vez que a andes has atopar cousas novas e outras has botalas de menos.Pode ela ser pequena en extensión .En fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e desde logo,moito meirande de como ti a ves.¿Non din os filósofos que o home é o "microcosmos",o compendio, o resume do universo todo?Para canto máis unha Terra con tódolos homes que nela viven.

    Do grandor do teu espíritu depende todo; canto máis pequeno sexa máis terra precisará.Se o teu pensar é fondo, a túa Terra, para ti, non terá cabo;nela estará o mundo con tódolos seus climas.Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena; pequeno es ti, que endexamais poderás concebir nada grande.

 

                             VICENTE  RISCO. "Da medida das cousas",en Leria.