|
O primeiro paso
antes de efectuar un deseño web debe ser o coñecemento
das características e elementos deste novo medio, así
como as claves da comunicación a traveso da rede. En base
a isto, a primeira sesión dedícase sempre á
análise de webs de distinta natureza. Se o grupo ten na súa
maioría unha escasa familiarización coa rede, o número
de sesións dedicadas a esta análise aumenta, buscando
un maior coñecemento da rede antes de dar o salto ó
deseño.
A reflexión en torno ás páxinas realízase
a traveso de visitas guiadas e céntrase en tres eixes: educativo,
visual e elementos técnicos subxacentes... Non se trata aínda
de que aprendan a materializar o que están vendo, senón
de que teñan criterios claros do que é unha web e
de como darlle sentido educativo. Podemos dicir que pretendemos
que aprendan a facer páxinas antes de saber usar ningunha
ferramenta de edición, as ferramentas virán despois,
para canalizar a expresión do que xa coñecen.
Para ilo xogamos cunha selección
de páxinas educativas de distinta natureza e con tres
guías de análise de páxinas que se centran
nos aspectos sinalados: guía
de aspectos formativos, guía
de estilo gráfico e guía
de elementos técnicos.
Tras levar a cabo diferentes visitas guiadas de análise de
páxinas e segundo o grupo vaia asimilando os conceptos, proporanse
novos sitios web en torno ós cales o grupo realizará
as súas propias reflexións a traveso de dúas
dinámicas:
- Debate en torno ós elementos que as compoñen; acertos
e fallos dende os tres puntos de vista traballados; aspectos que
engadirían, cambiarían e/ou suprimirían.
- Broullón de ideas enumerando compoñentes e características
da páxina dende as tres perspectivas.
|